venres, 9 de xaneiro de 2015

O 2014 en filmes: Uxía Villarino

Despois de ler as excelentes listas xa aquí publicadas, envío a miña que versa sobre as poucas curtas que vin na breve, mais fermosa estancia de Vila do Conde. Todas tocan temas do meu interese, malia non ter conquerido ningún premio. Están ordenadas por países

Bélxica
Albertina de Alexis  Van Stratum, 2014: Un relampo de vida en forma de veciño cólase no illamento voluntario dunha anciá de 81 años.
Benvida de Pablo Muñoz Gómez, 2013: Relato cheo de humor en relación aos servizos de acollida de inmigrantes na zona flamenca.
O camiño da carne de Deben Van Dam, 2013: rutina, tedio e desacougo dun enfermeiro nun centro de coidados paliativos

Brasil
Sen corazón de Tiāo, Nara Normande, 2014: Este é o nome que dan á rapaza protagonista unha pandilla de amigos adolescentes coa que por quendas manteñen individualmente encontros sexuais, mentres o resto desde  "a barreira" exercen de "voyeurs".  O mutismo, o hieratismo dela, o achegamento afectuoso dun deles , máis o lugar onde se producen os encontros ( unha especie de ampla e circular piscina de  duro cemento, baleira, nun descampado  que reforza o significado) fixo que fose a que máis me chegase ao corazón.

Finlandia
Raíña das lascas (estilhaços) de Anna-Sofía Nylund, 2012: Confesións sexuais dunha muller madura e do seu alienante e desubxectivizado modo de vida. Tan dura que so a concibo filmada con figuras (tallas de madeira?) nas que é doado imaxinar a fragmentación e disolución en lascas da protagonista, narradora. Faime lembrar as figuras de arxila d'A Imaxe Perdida de Rithy Panh.

Finlandia-Suíza
Kyrkogärdsö de Joakim Chardonnens, 2012: unha pequena nena na inmensidade  da xeada paisaxe nun illado lugar desta pequena illa do Báltico

Portugal
Cinema de Rodrigo Arelas, 2014: Saudade das vellas salas e proxeccións 
False Twins de Sandro Aguilar, 2014: A máis innovadora e menos narrativa

E para rematar a longa da americana Kelly Reichardt (foco) Wendy e Lucy: para a solitaria e desarraigada protagonista, a viaxe na procura dun mellor futuro detense nun lugar remoto de Oregón onde non ten cabida o "soño americano". Fóra de Vila do Conde, gustoume e moito a última parte d'A Esmorga.

Uxía Villarino

Ningún comentario:

Publicar un comentario