xoves, 8 de xaneiro de 2015

O 2014 en filmes: Ana Rodríguez Seoane

A orde é cronolóxica, de cando eu as vin. Os lugares van dende o Fórum ata o CGAI, Cines Cantones e Afundación, onde precisamente vin O Afundimento...

Nebraska (Alexander Payne, 2013). Conmovedora historia sobre a vellez, os estragos do tempo, as raíces, a familia, temas universais presentados nun envoltorio branco/negro que destila melancolía. Por momentos viaxamos polo estado de Nebraska, compartimos cos primos a visión dun partido de béisbol (creo) e contemplamos unha paisaxe marabillosa

Le dernier des injustes (Claude Lanzmann, 2013). Do mellor que vin sobre o Holocausto (xunto con Shoah). Son 220 minutos de narración excelentemente documentada, sobre o “modélico” campo de exterminio de Theresienstadt,

Tiempos de Amor y Juventud (Hou Hsiau-hsien, 2005). Tres historias en tres épocas, interpretadas pola mesma parella. Ambientación moi conseguida de cada época.

8 apellidos vascos (Emilio Martínez Lázaro, 2014). Que vou dicir que xa non se teña dito... Boa ou mala, dáme igual; chea de tópicos, pero moi, moi divertida, aparte de levantar a taquilla do cine español.

Luces al atardecer (Aki Kaurismaki, 2006). O retrato dun perdedor que non obstante conmove pola súa resistencia

El Gran Hotel Budapest (Wes Anderson, 2014). Unha parodia dos anos 30, ou como din algúns críticos un xeito de vinganza, visualmente moi atractiva, divertida, reparto inmenso de bos actores.

El hundimiento (Der Untergang) (Oliver Hirschbiegel, 2004). Últimas horas na vida de Hitler, Portentosa interpretación de Bruno Ganz. O führer e seus lugartenentes recluídos nun búnker, agardando o final.

La bicicleta de Pekin (Wang Xiaoshuai, 2001). A bici é un auténtico valor na cidade. Campo e cidade enfrontados, aínda que as personaxes resultan pouco cribles, sobre todo o rapaz que vén do campo, pero emociona a súa coraxe na busca do imprescindible e prezado medio de traballo

Sykt Lykkelig (Siempre feliz) (Anne Sewitsky, 2010=. Corrosiva narración da infelicidade. Nada é o que parece nesta familia noruega. Polo medio soa a canción “Somewhere over the rainbow”, tema moi vello cantado dun xeito moderno.

L’inconnu du lac (Alain Guiraudie, 2013). Erotismo, sexualidade, paixón, amor descarnado. Película claustrofóbica, aínda que rodada en exteriores fermosísimos.

Begin Again (John Carney, 2013). Gustoume este musical, con actores convincentes e NY de fondo.

Mil veces buenas noches (Erik Poppe, 2013). A reivindicación do exercicio e a proxección profesional dunha fotógrafa (Bínoche), malia o custo familiar que lle supón.

Ida (Pawel Pawlikowski, 2013). Conmovedora historia da busca das orixes, o coñecemento dunha mesma. A loita entre fe e materialismo. A elección da profesión relixiosa, como convicción.

Vikingland (Xurxo Chirro, 2011). Documental sobre a vida duns mariñeiros nun ferry que opera entre Dinamarca e Alemaña. A tenrura que destila a cea de Nadal, co complemento impagable da presenza do Xurxo no “Linda Rama”. Linda velada...

Al otro lado (Fatih Akin, 2007). Conmovedora historia de busca, reconciliación y perdón.

Relatos Salvajes (Damián Szifrón, 2014). Podería titularse “Comedias Barbaras”, Das mellores. Loita entre socialización e instintos primarios. Non é difícil sentirse identificado con algunha das historias. Persoalmente me quedo con BOMBITA/Darín, xusticeiro e liberador.

Mr. Turner (Mike Leigh, 2014). A biografía deste xenial paisaxista, por veces misóxino e tenro amante. Planos fermosisimos (incluso lle gustaron a Boyero....)

Finalmente remato, na Coruña, ás dúas do 7/01/2015

Ana Rodríguez

Ningún comentario:

Publicar un comentario