Esta é a miña lista de películas do 2014, unhas disfrutadas no taller,
outras no CGAI, outras nas salas do Fórum, algunhas revisitadas e a
maioría descubertas ao longo do ano. Felices Festas e bo cine para
tod@s!
A corner in wheat (David Wark Griffith, 1909): película muda sobre a cobiza de rabiosa actualidade, sempre.
Little fugitive (Ray Ashley, Morris Engel e Ruth Orkin, 1953): entretida e
tenra historia a do pequeno Joey que é vítima dunha cruel broma do irmán
e os seus amigos.
Senderos de gloria (Stanley Kubrick, 1957): son varias as veces que disfrutei desta antibelicista e demoledora película.
Wedlock House: an intercourse + Window water baby moving (1959) + The
Pittsburgh Documents: Eyes / Deus Ex / The act of seeing with one's own eyes (1971): fantástica lección de anatomía humana; parto natural e
autopsia, sen adorno nin morbo, aséptico.
Toro salvaje (Martin Scorsese, 1980): un clásico revisitado que segue atrapando de principio a fin.
Madre e hijo (Alexander Sokurov, 1997): fermosa historia de amor filial que,
seguramente polo xeito de filmar de Sokurov deformando os personaxes, suxería un amor enfermizo do fillo pola nai nas súas derradeiras
horas.
Beau travail (Claire Denis, 1999): luminosa e fermosa
película de temática militar na que se mostra a tensa relación entre un
sarxento e un soldado. Fantástico Denis Lavant,
Three times
(Hou Hsiao Hsien, 2005): esteticamente moi fermosa pero das tres
historias quedo coa primeira por delicada e mellor construída.
Still walking (Hirokazu Koreeda, 2008): interesante reunión familiar con
encontros, desencontros, resentimentos e como ás veces é mais doado
achegarse e entenderse cos alleos que cos do mesmo sangue.
Elena (Andrei Zvyagintsev, 2011): tensa, elegante e fría, gustoume tanto que volvín vela ao día seguinte.
La caza (Thomas Vinterberg, 2012): ou con que facilidade un bulo adquire
carácter de verdade irrefutable e arruína o honor dun individuo
A mãe e o mar (Gonçalo Tocha, 2013): sinto debilidade por este director,
as súas propostas nunca me decepcionan, sempre delicadas e elegantes.
Edificio España (Víctor Moreno, 2013): magnífico documental sobre a demolición
interior dun emblemático edificio con espléndidos planos como aquel
momento da comida dos obreiros ocupando sillóns arredor dunha longa mesa
da outrora luxosa sala de reunións onde a miúdo se toman decisións que
amolan á maioría e favorecen aos de sempre.
El desconocido del lago (Alain Guiraudie, 2013): con esta película fun consciente de
que con poucas localizacións se pode contar unha historia fascinante.
Ida
(Pawel Pawlikowski, 2013): gustoume moito esta triste historia familiar
que Ida vai descubrir da man dunha tía así como o xeito de filmar
planos con moito aire aplastando aos personaxes.
La imagen perdida (Rithy Panh, 2013): fermosísima e delicada maneira de filmar as
atrocidades, o espanto mais absoluto que se viviu na Camboxa de Pol Pot.
Conmoveume fondamente.
La última película (Raya Martin,
Mark Peranson, 2013): por fresca e diferente gustoume esta historia dese
director de cine empeñado en facer a última película.
E sen
que sirva de precedente quixera facer mención dunha serie que tiven no
verán oportunidade de descubrir na súa reposición, trátase de La forja de un rebelde, atrapoume e emocionoume a historia de Arturo Barea e as
vicisitudes da súa vida, así como a ambientación dese momento da nosa
historia.
Luz Lugrís
Ningún comentario:
Publicar un comentario