venres, 10 de xaneiro de 2014

O 2013 en filmes: Ana Rodríguez Seoane



Creo que vai un pouco extensa de máis. No meu caso non falo unicamente de memoria, senón que busquei nas miñas fontes particulares para levar certa orde, que quere ser cronolóxica, pero non totalmente.

No CGAI:
Doentes (Gustavo Balza, 2011): o que contan, aínda que comezara nos anos cincuenta, fáiseme bastante próximo e vivido profesionalmente en torno aos anos oitenta. Un recordo para Manuel Olveira “Pico”, finado no 2013.
Blancanieves (Pablo Berger, 2012): rompedora na fotografía, impresionantes Macarena García e Maribel Verdú, ¡española y olé! Creo que o Goya é merecidisimo.
Melancolía (Lars von Trier, 2011): conseguiu transmitirme anguria, desacougo, tristura, axudada polas voces de Kirsten Dunst, Charlotte Gainsbourg e Kiefer Sutherland.
El primer Maestro (Andrei Konchalovsky, 1965): reflicte moi ben a situación dun mestre recén chegado a unha escola “perdida” en Rusia, para implantar os principios educativos da revolución bolchevique, que atopa un forte rexeitamento entre os habitantes, aínda que despois evoluciona cara a un claro adoutrinamento político. Transmite a sinxeleza das primeiras obras.
People’s Park (J.P. Sniadecki, Libbie D. Cohn, 2012): somérxenos nese parque de Chengdu e convídanos a participar coas xentes que se moven nel. Grato recordo da presentación in-vivo, polo Director no Cgai, así como o posterior coloquio.
La casa Emak Bakia (Oskar Alegría, 2012): atrapoume dende o principio, quixera ter formado parte daquela busca, inaccesible ao desalento, teimuda e insistente, da casa onde viviu o fotógrafo Man-Ray.
Paraíso: Fe (Ulrich Seidl, 2012): demoledora crítica do fanatismo relixioso, humor corrosivo, desternillante por momentos e outros desacougantes.
Los Ilusos (Jonás Trueba, 2013): máis que a película gustoume escoitar a Jonás Trueba tamén en vivo e directo, transmitía sinceridade contando as inseguridades vividas.
E pola mesma razón cito as de Lois Patiño: Montaña en sombra, en Vila do Conde, e Costa da Morte co Teatro Principal de Santiago a rebordar de xente e Lois absolutamente aberto e predisposto a responder ás preguntas dos espectadores. Mesmo semellaba un curral de comedias, tipo Almagro ou similar.

Nalgún outro lugar:
Easy Rider (Dennis Hopper, 1969): Quedou como unha das iconas da contracultura de USA dos anos 60, cos moteiros percorrendo parte da famosa ruta 66: Dennis Hoper, Nicholson (xenial), Peter Fonda, novísimos todos. Vina por primeira vez en “Cine Terraza” e deslumbroume pola música e algunha escenas. Agora confeso que non me impactou tanto.

Das vistas no Obradoiro da Filmoteca:
La Ricotta (Pier Paolo Pasolini, 1963): anticlerical, angustioso plano dos crucificados, a voracidade da fame.
Caravaggio (Derek Jarman, 1986): imaxes impactantes, trasladando as composicións dos cadros á situacións da vida real do pintor, pareceume orixinalísima.

No Curtas de Vila do Conde:
O corpo de Afonso (João Pedro Rodrigues, 2012): mestura desconcertante de historia e actualidade, o fantasma do paro, cunhas boas “pingas” de humor.
A xa citada Montaña en Sombra de Lois Patiño (2012), con divertidos e glamurosos momentos fotográficos posteriores co realizador (o noso salto á fama como participantes festivaleiras).
Teño que mencionar tamén Decasia, de Bill Morrison (2002). A este respecto, non podo deixar de facer un “copia/pega” da crítica doutra espectadora: “Outra desas películas que vexo removéndome na cadeira, froito da incomodidade do momento, e durante a que termino xogando as batallas de ruxidos de tripas ou de cordas vocais coa compañeira de meu lado (gañei eu, cun enfurecido sprint final)”. E iso que no taller xa tiñamos visto varias de cine experimental... pero si gocei con Bucking Broadway, de John Ford (1917) unha reliquia das primeiras obras (cine mudo) do cineasta, restaurada, e proxectada na Sala 2 do Teatro Municipal cunha actuación musical ou performance paralela á proxección. Foi o primeiro día que chegamos e atopei un ambiente extraordinario.

No Festival de Sevilla:
Chico conoce chica (Leos Carax, 1994): un xeito diferente de contar unha historia de amor.
Miéle (Valeria Golino, 2013): afrontar a morte como un traballo profesional, aséptico e impersoal, no que afloran as contradicións.
E como non, as risas con Martiño Rivas e a súa Tres bodas de más (Javier Ruiz Caldera, 2013).

No Fórum Metropolitano:
Retorno a Hansala (Chus Gutiérrez, 2008): toca o problema da inmigración con algunhas concesións ao sentimentalismo, pero con bastante realismo.
Nader y Simin, una separación (Asghar Farhadi, 2011). Non hai bos nin malos, todos ocultan algo.
De dioses y hombres (Xavier Beauvois, 2010): monxes cistercienses no Magreb, ¿É posible a convivencia cos musulmáns?. Conflito bélico, resistencia.
El profesor (Tony Kaye, 2011).
El Regreso (Andrei Zvyagintsev, 2003): película con moitos simbolismos e incógnitas. Ritmo opresivo, desacougante.

En salas comerciais:
Bárbara (Christian Petzold, 2012): Unha doutora “trasladada-castigada” a un hospital apartado nunha zona rural da Alemaña do leste para súa depuración política. Sobria e claustrofóbica, aínda que haxa exteriores de paseos en bici. Iso si, cun ritmo un tanto desigual por momentos.
Amor es todo lo que necesitas, Susanne Bier, directora danesa que me gusta moito, romántica “pastelada” con Pierce Brosnan.
Amor (Michael Haneke, 2012): retrato da última etapa da vida, deterioro, dependencia física, eutanasia, dor.
Un asunto Real (Nikolaj Arcel, 2012): paixón e intrigas palacegas na corte danesa, século XVIII, reforzado coa interpretación do actor Mad Mikkelsen.
La Caza (Thomas Vinterberg, 2012): tamén con Mikkelsen, portentoso, vítima dunha falsa acusación, un entorno social enrarecido, un final sorpresivo.
Hannah Arendt (Margarethe von Trotta, 2012): o concepto da banalización do mal.
Un amigo para Frank (Jake Schreier, 2012): a amizade dun vello e un robot, coa sombra do alzheimer planeando no ambiente.
La mejor oferta (Giuseppe Tornatore, 2013): "La copia puede ser mejor que el original".
A puerta fría (Xavi Puebla, 2012).
Una Casa en Córcega (Pierre Duculot, 2011): unha casa que fai de revulsivo para un cambio de vida.
Cruce de caminos (Derek Cianfrance, 2012): un Ryan Gosling motero macarra que escolle o camiño equivocado para manter á súa familia.
E a última: De tal padre tal hijo (Hirokazu Koreeda, 2013): vinganza disfrazada de “erro” hospitalario, que serve de escusa para falar sobre as relacións paterno-filiais.

Ana Rodríguez Seoane - Filmoteca Fórum

Ningún comentario:

Publicar un comentario