xoves, 9 de xaneiro de 2025

D. W. Griffith


Presentación empregada na palestra "D. W. Griffith", impartida no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o 9 de xaneiro de 2025.

Escena inicial de Abraham Lincoln (David Wark Griffith, 1930)

A Corner in Wheat (David Wark Griffith, 1909)

1 comentario:

  1. Recupero nesta anotación algunhas preguntas arredor da curta "A Corner in Wheat":

    1) Nos primeiros anos do cinema houbo que ir inventando as "regras gramaticais" da nova arte. A montaxe empezou a dotarse de regras, nun dobre sentido:
    -Un plano que segue a outro pode marcar unha continuidade temporal: o que vemos no plano A antecede ao do plano B e ese ao do C. O espectador "arma" na súa cabeza o relato completo aínda que vexa que as accións se desenvolven en fondos (escenarios) diferentes (cousa que non pasaba no teatro) e que dun plano a outro o fondo cambia maxicamente, un recurso do que se valía Buster Keaton para crear un gag metacinematográfico en "Sherlock Jr". A alternancia entre planos outorga dinamismo e crea emoción, ao amosar puntos de vista distintos.
    -Un plano que segue a outro tamén pode marcar unha simultaneidade temporal. Os planos non son consecutivos así que non "adiantan" a acción; ao contrario, ralentízana para crear algún tipo de efecto (cómico, dramático, etc).
    A montaxe neste filme de Griffith, catorce anos posterior ás primeiras imaxes en movemento proxectadas en público... ten algún deses dous sentidos ou a intención é doutro tipo, "ideolóxica"? Cando empeza a alternar planos da festa dos ricos con planos na tenda co conflito do pan, o que quere contarnos é que esas dúas accións son exactamente simultáneas no tempo ou quere formular algo distinto, máis conceptual, máis xeral?

    2) Unha estratexia narrativa típica é a de facer converxer os personaxes dun filme, novela, etc, nalgún punto. Cando nunha película vemos en paralelo personaxes diferentes nun lugar e tempo "próximo" sobreentendemos que acabarán por poñerse en contacto ou relacionarse dalgunha maneira (o clásico "mozo conoce moza"). Neste filme de Griffith, chegan a relacionarse directamente entre si os distintos grupos de personaxes? Cantos grupos "vedes", cantos planos de acción diferenciaríades? Que é o que os une a todos?

    3) Cal é o papel dos intertítulos neste filme? Diríades que hai moitos ou poucos? Engaden ou presentan a información ou teñen outra intención? Son puramente descritivos ou equivalen a algunha clase de "comentario"? Hai neles algo de humor, de ironía? Onde está o trigo nas seccións que veñen precedidas por un cartel que di "O ouro do trigo" e "A vaíña (=a casca) do trigo"? A distribución dos intertítulos é homoxénea ao longo de toda a peza ou hai máis nunhas partes ca noutras?

    4) Como é o segundo plano do filme, o dos labregos traballando? Por que credes que dura o que dura? O espazo que describe é grande, pequeno? Podería facerse nun teatro?

    5) Cantos movementos de cámara hai en todo o filme?

    6) Como morre o rei do trigo? Que imaxe intercala Griffith entre as que narran a súa morte?

    7) O plano final do labrego evoca claramente o segundo plano, mais hai diferenzas moi importantes. Cales?

    ResponderEliminar