martes, 30 de setembro de 2014

Outra historia do cinema

A historia do cinema, tal e como nola contaron sempre, tende a ser lineal, masculina e occidental. A cada etapa sucédelle outra, coma se fosen chanzos dunha escaleira de sentido único; non parece haber máis cinema có americano e europeo de tramas claramente novelescas, con algún toque exótico oriental; e os directores, guionistas e produtores adoitan ser homes (por suposto brancos).

Mais a verdadeira historia é outra: está inzada de mulleres que crearon obras indispensábeis, ábrese dende a súa mesma orixe a formas non narrativas e ramifícase por todo o planeta para alimentarse de culturas, linguas, paisaxes e maneiras de entender o mundo moi diferentes. O cinema é un e moitos á vez.

Ao longo do mes de outubro o Fórum Metropolitano celebra o cinema na súa diversidade, o seu glorioso pasado e o seu presente igualmente luminoso.

Martin Pawley
Biblioteca Municipal Forum Metropolitano, do 1 ao 31 de outubro.

Paseo das estrelas
Os corredores da Biblioteca convértense durante todo o mes de outubro nun auténtico “paseo das estrelas” ao máis puro estilo hollywoodense no que as protagonistas son "elas", algunhas das grandes mulleres do mundo do cinema ao longo da historia: directoras, guionistas, actrices... O martes 7 de outubro ás 19:00 h. faremos unha visita guiada na compaña de Martin Pawley.

Cineastas do mundo
A través dun mapamundi o “espectador” poderá ser partícipe da diversidade fílmica que existe nos cinco continentes. A modo de panel interactivo será o “espectador” quen descubra, coa axuda dunhas pequenas pinceladas biográficas, a identidade nacional de cincuenta cineastas dos nosos días.

Caixa dos desexos
Farémonos eco dos teus desexos máis cinéfilos. Poderasnos deixar por escrito as suxerencias de todos aqueles filmes que che gustaría ver ou que quixeras ter na biblioteca.

Mesa redonda: outra historia do cinema
Biblioteca Municipal Forum Metropolitano, 21 de outubro ás 19:00 h. Participantes: Martin Pawley (programador, crítico e produtor de cinema); José Manuel Sande (programador do CGAI, crítico e historiador de cinema, guionista e produtor de Arraianos); Xabier P. Docampo (escritor e cinéfilo) e Uxía Villarino (profesora e cinéfila).

Mostra bibliográfica

Ciclo de cinema: OUTRA HISTORIA DO CINEMA
Sala Fernando Rey. Ver detalle de programación neste link.

3 minutos: obradoiro de edición de curtametraxes
13, 20 e 27 de outubro ás 19:00 h. Dirixido a nenos de 12 a 16 anos con inscrición previa: do 29 de setembro ao 10 de outubro no mostrador da biblioteca, no tlf. 981 184 298 ou mediante correo electrónico. A partir dunha chuvia de ideas e propostas previas rodaranse as curtametraxes usando diversas técnicas ademais da imaxe real: debuxo, stop motion... Os nenos aprenderán todo o proceso de montaxe e edición de vídeo, o uso de efectos sonoros e voces así como a gravación de música. Ao finalizar cada participante terá a súa copia en formato dixital.

Ningún comentario:

Publicar un comentario