luns, 4 de setembro de 2017

Programa de lecer de outono de 2017

FILMOTECA FÓRUM: CANDO O CINEMA EMPEZOU A FALAR
Fórum Metropolitano. Xoves, de 18.30 a 20.00 h. Responsable: Martin Pawley

A chegada do son transformou en moi pouco tempo a creación e exhibición cinematográfica. Repasaremos os primeiros anos do cinema sonoro, desde as limitacións iniciais derivadas do emprego da nova tecnoloxía ao aproveitamento esplendoroso do son e a palabra no cinema clásico.

Descrición estendida: Dende que en 1927 os espectadores estadounidenses escoitaron a voz de Al Jonson n'O Cantor de Jazz, a industria do cinema iniciou unha (veloz) transformación que cambiou para sempre a forma de facer e exhibir as películas. Até mediados dos anos 30 vívese un período convulso e excitante no que os creadores de todo o mundo aprenderon a sacarlle partido ao recurso da palabra e o son. Anos de efervescencia creativa que analizaremos con detalle no obradoiro. Ademais, valoraremos, comentaremos e falaremos da programación das nosas salas e daremos conta das novas da actualidade máis importantes.

Obxectivos xerais: Comprender o cambio que supuxo, en termos creativos e industriais, o salto do cinema mudo ao sonoro. Entender como o progreso tecnolóxico da chegada do son supuxo inventar novas regras para a linguaxe fílmica. Recoñecer e valorar a diversidade cinematográfica dos primeiros anos do cinema sonoro en todo o mundo.

Sesións: A chegada do son ao cinema: das experiencias pioneiras ao triunfo d'O cantor de jazz | Un paso atrás? Os problemas que trouxo a nova tecnoloxía | Aprendendo a usar o son: como os creadores definiron unha nova narrativa | Hollywood antes da censura: a era “Pre-Code”. O esplendor do musical. Tempo de monstros: Drácula, Frankenstein e outras criaturas. Unha sociedade en crise: o cinema de gángsters. As mulleres no cinema “Pre-Code” | Cinema sonoro en España e Portugal | Fitos do cinema europeo: Hitchcock, Lang, Pabst, Renoir, Clair etc | Outras cinematografías.

-> Información e programa completo do programa de lecer do Fórum Metropolitano, aquí.

HISTORIA(S) DO CINEMA A TRAVÉS DOS FESTIVAIS
Centro Ágora. Mércores, de 19.00 a 20.30 h. Responsable: Martin Pawley

Os principais festivais de cinema serven para entender as mutacións vividas pola sétima arte nas últimas oito décadas. Cannes, Venecia, Berlín, San Sebastián e Lorcano foron, ademais, a porta de entrada que nos descubriu a moitos dos principais creadores da Historia. Valerémonos das súas historias para entender mellor o cinema do pasado e o presente.

Descrición estendida: Máis alá do “glamour” e das alfombras vermellas, os festivais foron, son e serán espazos de diversidade que nos axudan a descubrir outras formas de contar e explicar o mundo. Neles déronse a coñecer autores e cinematografías que hoxe temos por esenciais, do Xapón de Akira Kurosawa ao Irán de Abbas Kiarostami. Os festivais definen tendencias e modas, consolidan xeracións, abren portas (mais tamén as pechan) e non son alleos aos cambios sociais e históricos. Tomamos os festivais de cinema máis importantes como guía para explorar como foi e é o cinema das últimas décadas. Ademais, valoraremos, comentaremos e falaremos da programación das salas da cidade e daremos conta das novas da actualidade máis importantes.

Obxectivos xerais: Comprender a importancia dos festivais de cinema na divulgación da diversidade fílmica. Achegarse ao cinema dende unha perspectiva transversal, que a través dos festivais explora outros factores sociais e históricos que influíron na creación e difusión dos filmes.

Sesións: Os grandes festivais: Cannes, Venecia, Berlín, San Sebastián e Locarno | Kurosawa, Ray e compaña: cando Europa descubriu o cinema asiático | As novas ondas e os grandes autores | Que pasa coa non ficción? O documental, o gran esquecido | Mulleres directoras | O cinema español e portugués nos grandes festivais | Outras cinematografías: a periferia que se abre sitio.

-> Información e programa completo do programa de lecer do Centro Ágora, aquí.

CONDICIÓNS PARA PARTICIPAR NOS OBRADOIROS DO PROGRAMA DE LECER:

Preinscrición: os días 4, 5 e 6 de setembro nas conserxarías do Fórum Metropolitano ou Centro Ágora de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h ou por vía telemática cubrindo a folla de preinscrición, tal e como se indica na páxina www.coruna.es/cultura. Neste último caso, será recomendable gardar unha copia dixital da inscrición, co fin de corrixir os erros que se puideren producir. É importante escoller só una das dúas opcións, xa que, en caso de ter
preinscricións duplicadas, anularanse. Todas as preinscricións telemáticas que teñan data de envío anterior ás 9.00 h do día 4 ou posterior ás 20.00 h do día 6 non serán tramitadas. Cada solicitante poderá anotar ata catro obradoiros na ficha; deberase ter en conta que na adxudicación respectarase a orde de preferencia fixada e esta non poderá modificarse unha vez que se realice o sorteo.

Sorteo público: o venres 8 de setembro ás 10 da mañá na conserxaría do Fórum e Ágora, segundo o caso.

Adxudicación de prazas: as listaxes dos obradoiros adxudicados publicarase o luns 11 de setembro a partir das 9:00.

Inscrición: os días 11, 12 e 13 de setembro na conserxaría do Fórum Metropolitano ou Centro Ágora, segundo o caso. Para formalizar a inscrición será necesario aboar en efectivo o importe do obradoiro.

Listaxes de agarda e prazas vacantes: as persoas en listaxe de agarda terán preferencia en ocuparen as prazas non aboadas dese obradoiro, segundo a orde ditada polo sorteo. Terán preferencia aquelas persoas que non obtivesen ningunha praza. Realizaremos unha primeira rolda de chamadas telefónicas o 14 de setembro. Contactaremos só con aquelas persoas que estean nas listaxes de agarda para saber se continúan interesadas en inscribirse nos obradoiros que solicitaran. De ser así, terán que formalizar a inscrición, pagándoa, o 15 de setembro. Realizaremos unha segunda rolda de chamadas o 18 de setembro, e as/os interesadas/os terán que formalizar a inscrición, pagándoa, o 19 de setembro.
A partir do 20 de setembro e despois deste proceso, o resto das prazas vacantes poderán ser ocupadas polo público en xeral, que deberá inscribirse e aboalas por orde de chegada, nos horarios indicados anteriormente.

Cota de inscrición: 30 € por obradoiro (maiores de 65 anos, 21 €).

Inicio dos obradoiros: a partir do 25 de setembro, no día e hora que lle correspondan a cada obradoiro.

Os obradoiros só se porán en marcha cun mínimo de 12 participantes.