venres, 26 de agosto de 2016

Programa de lecer de outono de 2016

FILMOTECA FÓRUM: O NACEMENTO DO CINE

Fórum Metropolitano. Xoves, de 18.30 a 20.00 h. Responsable: Martin Pawley

De maneira monográfica ao longo desde obradoiro exploraremos as primeiras décadas da historia do cine: como naceu, como foron inventando as súas regras e como en poucos anos se converteu nunha arte popular en todo o mundo. Achegarémonos aos gloriosos anos do cine mudo dende diferentes puntos de vista: os cineastas esenciais, os actores e actrices que se converteron en “estrelas”, as vangardas artísticas, os avances tecnolóxicos... Ademais, valoraremos, comentaremos e falaremos da programación das nosas salas e daremos conta das novas da actualidade máis importantes.

-> Información e programa completo do programa de lecer do Fórum Metropolitano, aquí.

O CINEMA: MANUAL DE INSTRUCIÓNS

Centro Ágora. Mércores, de 19.00 a 20.30 h. Responsable: Martin Pawley

Os movementos da cámara, os planos, a montaxe. A invención da linguaxe fílmica. O proceso de creación dunha película. Os xéneros cinematográficos. Os formatos e as pantallas. Ao longo do obradoiro iremos descubrindo algúns “por ques” que nos axudan a entender mellor e desfrutar máis as películas que vemos. Un manual de instrucións abreviado para descifrar algunhas claves da arte das imaxes en movemento. Ademais, repasaremos cada semana o máis valioso da programación cinematográfica da Coruña.

-> Información e programa completo do programa de lecer do Centro Ágora, aquí.

CONDICIÓNS PARA PARTICIPAR NOS OBRADOIROS DO PROGRAMA DE LECER:

Preinscrición: os días 5, 6 e 7 de setembro nas conserxarías do Fórum Metropolitano ou Centro Ágora segundo o caso, ou ben por vía telemática a través do sitio web do Concello. Cada solicitante poderá anotar ata catro obradoiros na ficha; deberase ter en conta que na adxudicación respectarase a orde de preferencia fixada e esta non poderá modificarse unha vez que se realice o sorteo.

Sorteo público: o venres 9 de setembro ás 10 da mañá na conserxaría do Fórum e Ágora, segundo o caso.

Adxudicación de prazas: as listaxes dos obradoiros adxudicados publicarase o luns 12 de setembro a partir das 9:00.

Inscrición: os días 12, 13 e 14 de setembro na conserxaría do Fórum Metropolitano ou Centro Ágora, segundo o caso. Para formalizar a inscrición será necesario aboar en efectivo o importe do obradoiro.

Listaxes de agarda e prazas vacantes: as persoas en listaxe de agarda terán preferencia en ocuparen as prazas non aboadas dese obradoiro, segundo a orde ditada polo sorteo. Terán preferencia aquelas persoas que non obtivesen ningunha praza. Os días 16 e 17 de setembro contactarán vía telefónica coas persoas que estean en listaxe de agarda para saber se continúan interesadas. A partir do 21 de setembro o resto de prazas vacantes poderá ser ocupado polo público en xeral.

Cota de inscrición: 30 € por obradoiro (maiores de 65 anos, 21 €).

Inicio dos obradoiros: a partir do 26 de setembro, no día e hora que lle correspondan a cada obradoiro.

Os obradoiros só se porán en marcha cun mínimo de 12 participantes.