mércores, 11 de febreiro de 2015

A UPV dixitaliza oito revistas españolas de cinema

Un proxecto da Universitat Politècnica de València (UPV), desenvolvido por un equipo de investigadores, documentalistas e informáticos da Facultad de Belas Artes, a Biblioteca e a Área de Sistemas da Información as Comunicacións, vén de dixitalizar e poñer a disposición do público unha notábel colección de revistas españolas de cinema, que poderán no sucesivo consultarse en Internet. Esta é a listaxe de publicacións escaneadas e indexadas:

Nosferatu. Revista de cine: naceu en outubro de 1989 en Donostia, asociada aos ciclos de cinema organizados polo padroado municipal de cultura no Teatro Principal da cidade. O primeiro número estivo dedicado a Alfred Hitchcock na súa etapa inglesa; o último, de xuño de 2007, ao novo cinema coreano. Nesa altura Nosferatu cambiou de formato e adoptou o actual de libro. Ao longo da súa historia coma revista Nosferatu publicou excelentes monografías dedicadas a autores coma John Ford, John Huston, Yasujiro Ozu, Kenji Mizoguchi, Akira Kurosawa, Jean Renoir, Fritz Lang, Theo Angelopoulos, Louis Malle... así coma números temáticos dedicados ao cinema africano, o cinema e o Islam, os filmes da Hammer, etc.

Vertigo. Revista de cine: publicada entre 1991 e 1998 polo Ateneo "Curros Enríquez" da Coruña e o Concello da cidade, contou neses anos coa colaboración, entre outros, de Julio Pérez Perucha, Santos Zunzunegui, Jaime Pena, José Luis Castro de Pez, Xosé Nogueira, Josetxo Cerdán...

Nuestro cinema: editouse durante a Segunda República, entre 1932 e 1935. Un documento histórico de enorme valor.

Cine experimental: naceu en Madrid en 1944 baixo a dirección de Victoriano López García e rematou, despois de once números, en 1946. Entre os seus colaboradores, o logo director Carlos Serrano de Osma.

La mirada. Textos sobre cine: revista mensual fundada por Domènec Font en Barcelona e de vida breve, pois xurdiu en abril de 1978 e o seu último número foi o publicado en outubro dese mesmo ano. Apostou, nun tempo de cambio, por afrontar temas con clara compoñente ideolóxica dende unha posición de esquerda (moi) crítica.

Cuadernos de cine: publicación realizada e distribuída á marxe dun proxecto editorial, afastada das tendencias do mercado e con clara vocación teórica. 

Banda aparte: existiu durante 21 números entre os anos 1994 e 2001. Combinou o tratamento das creacións contemporáneas coa análise e estudo do cinema primitivo. 

La madriguera: entre os meses de novembro de 1997 e 2002 estivo nos quioscos vinculada á revista El Viejo Topo.